No marco das actividades de educación en igualdade e dereitos humanos, o alumnado de Xeografía e Historia de 2º de ESO D, achegouse á realidade da América española durante a época dos Austrias a través de personaxes que adoitan quedar fóra dos relatos tradicionais. Escravizados, mulleres, persoas mestizas ou líderes da resistencia permitíronnos descubrir unha realidade marcada pola desigualdade, a discriminación e a loita pola dignidade.
Organizados en grupos, investigaron figuras como Juan Latino, Benkos Biohó, Malinche ou Sor Juana Inés de la Cruz, reflexionando sobre cuestións como a escravitude, o racismo, os dereitos das mulleres e o acceso á educación. O obxectivo non foi só aprender Historia, senón comprender como as desigualdades do pasado poden axudarnos a interpretar e cuestionar situacións do presente.
A actividade permitiu desenvolver o pensamento crítico, a empatía e a capacidade de relacionar feitos históricos cos dereitos humanos e coa construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

No hay comentarios:
Publicar un comentario