A violencia de xénero e o sexismo na publicidade, nos medios audiovisuais e nas redes sociais
O 19 de febreiro asistimos a charla "A violencia de xénero e o sexismo na publicidade, nos medios audiovisuais e nas redes sociais" impartida por Ana Otero Junquera, Técnica do Instituto Galego de Consumo. Esta actividade forma parte do Proxecta+ "Por 365 días de respecto e igualdade".
O alumnado de 3º ESO C/D tivo a posibilidade de reflexionar e debater sobre a violencia cara ás mulleres e o sexismo nos medios audiovisuais, nos anuncios publicitarios e tamén nas redes sociais na actualidade.
Analizáronse diferentes anuncios e imaxes vendo o machismo implícito e explícito; a partir disto o alumnado reflexionou sobre a necesidade de adoptar unha perspectiva feminista en todos os contextos e como esta visión se debería introducir en todas as canles de información.
Aportáronse unha serie de recomendacións para aplicar nos contextos cotiáns e facilitoúsenos a información de que calquera persoa pode denunciar a través do Servizo de Igualdade da Xunta de Galicia a presenza de publicidade sexista cubrindo un formulario web ou a través do Teléfono da Muller de xeito gratuíto e anónimo.
O amor sen cadeas: mitos e alternativas
O 3 de marzo a carón do 8M Día Internacional da Muller Angélica Mercado, formadora especialista en xénero e políticas de igualdade, traballou co alumnado de 3º ESO A/B a importancia dos vínculos sans nas relacións de parella.
Cales son os meus límites? Que idealizo nunha relación de parella? Que valores comparto nunha relación de parella? Que necesito para estar ben e ser feliz?....
Todas estas cuestións e moitos máis aspectos das relacións teñen que ser sempre obxecto de traballo cos adolescentes, facéndolles reflexionar sobre as falsas crenzas sobre o amor e que constrúan vínculos saudables, baseados no respecto, na comunicación e na identidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario