Durante a primeira avaliación, o alumnado de 1º da ESO participou nun proxecto competencial no que combinamos lectura, pensamento crítico, creatividade e expresión oral a través da radio escolar.
O punto de partida foi a lectura e escoita compartida de fragmentos de contos clásicos, que nos serviron para reflexionar en grupo sobre os personaxes e os seus comportamentos. A través de preguntas sinxelas —quen aparece na historia?, como se comportan as mulleres e os homes?, que papeis desempeñan?— o alumnado foi detectando estereotipos de xénero moi presentes nestes relatos tradicionais: princesas pasivas, príncipes salvadores, bruxas malvadas…
A partir desta análise inicial, cada grupo escolleu un conto clásico (como Caperucita Vermella, Brancaneves ou A Bela Dormente) e realizou un traballo máis profundo de análise dos personaxes e dos roles de xénero: quen protexe, quen manda, quen obedece e que estereotipos podían transformarse.
O reto principal foi a reescritura do conto, dándolle a volta á historia para crear versións máis xustas e actuais. As novas historias tiñan que cumprir algúns requisitos como que as protagonistas debían ser activas e tomar decisións, evitando así a repetición de estereotipos de xénero.






